Promove un xantar solidario mañá para a rehabilitación do inmoble
Na avenida Principal de Curtis, cunha arquitectura que semella unha palloza, escondíase entre silvas, ata hai nada, a reitoral de Curtis, que levaba abandonada uns 30 anos. A asociación A Raíña, liderada polo sacerdote Víctor Blanco, promove este domingo un xantar solidario para lograr fondos para a rehabilitación do inmoble.
—Cal era a situación da reitoral?
—Estaba pechada. Dende a asociación se lle fixo a proposición ao Arcebispado. A nós chegan persoas derivadas doutras entidades que están en situación de vulnerabilidade. Tiñamos unha muller cunha filla vítima de malos tratos á que lle tivemos que alugar un piso porque tiñamos outros dous rapaces vivindo con nós. A Raíña fúndase en 2015, levamos acollendo xente dende os inicios, levaremos unhas 20 persoas, pero a nosa misión non é esa, senón dar oportunidades laborais, xerar emprego e que a xente se sinta dignificada. O que fixemos foi, a través da agricultura ecolóxica, crear postos de traballo. Agora mesmo temos 15 persoas traballando nos invernadoiros e no obradoiro. Temos fincas en Vilasantar, Curtis, Mesía, Oza-Cesuras e acábanos de ceder Cáritas as súas en Ordes.
La cocina de la rectoral, donde se guardan dos bicicletas cedidas para recaudar fondos Dolores Vazquez
—Canto cre que precisarán para amañala?
—Moitos cartos, estamos co proxecto, pero calculamos que uns 400.000 euros. Ao ser un ben de interese cultural hai que manter a estrutura e os materiais orixinais. Ímola reformar para que poda servir para acoller a persoas en situación de vulnerabilidade. O que queremos construír é un fogar, máis ca unha casa de acollida. Tamén queremos que sirva para persoas que viven en soidade non desexada, que é un dos retos agora mesmo como sociedade. Nós xa temos un programa de acompañamento para persoas que viven soas, os xoves imos por elas e quedamos principalmente en Vilasantar. Esta casa podería ser un punto de encontro. Tamén queremos que sexa un bastión para motivar á xuventude a facer voluntariado. Se hai algo que temos claro é que facer feliz a alguén nos fai felices a nós. Ese, se cadra, é o noso lema.
—Que prazos se marcan?
—Non temos présa, pero tampouco pausa. Cremos moito na providencia. Todo chega ao seu tempo. Para nós é xa un soño ter esta casa.
—Cal é o programa da xornada?
—Unha misa ás 12.30 e unha sesión vermú con Nunzia Giannotta, unha rapaza italiana que canta. Vén tamén un pinchadiscos de Pontevedra. Faremos un xantar no recinto feiral con produtos nosos, ecolóxicos. Máis que xuntar cartos, porque con 15 euros por persoa non nos dá, gustaríanos visibilizar un problema que hai na sociedade, as persoas que non teñen nada e merecen unha oportunidade, as que viven en soidade e a aposta pola xuventude. Co xantar queremos motivar e que a xente se sinta partícipe deste soño. Temos unha fila cero para quen queira axudar e non poda vir ES70 2080 0024 1730 4002 7703. Esta semana ingresounos un anónimo da Coruña 250 euros. Aquí hai xente moi boa, que nos axuda moito para poder axudar, se non nós non seriamos capaces.
—Canta xente esperan?
—Hai entradas en locais de Curtis e imos preparar para 500 persoas. Hai anos fixemos un xantar solidario e logramos 14.000 euros. Ao redor disto xa hai un movemento. Na Festa da Raíña, que a facemos todos os 22 de agosto, xuntamos preto de mil persoas e o ano pasado apuntáronse para vir 72 curas.
—Que máis farán?
—Despois tocará a vía institucional, pero primeiro hai que ter o proxecto. Xa estivo aquí a deputada provincial de Política Social, Mar García, e gustoulle a proposta. Se servise de estímulo para restaurar outras casas reitorais sería fantástico. Agora ofrecéronme unha en Castro, preto de Mesía, que pedín hai 20 anos, pero eu son cura, non son construtor, e está bastante mal. Imos ir pasiño a pasiño e recuperar esta.
—Máis alá do resultado social, cal é o empresarial da Raíña?
—Empezamos a acadar resultados positivos, estánsenos abrindo vías de mercado. A Raíña nace nun lugar que se chama así en Mesía, aí está a casa nai, fixemos unha asociación tras lograr nunha licitación pública na Escola de Agricultura Ecolóxica de Vilasantar. Tamén é a base de operacións da empresa de inserción laboral Primicias Raíña, creada hai dous anos. Pasou xa moita xente. Facemos inserción laboral a través da agricultura ecolóxica. Facemos pastas, empanadas e repostería sen glute que vendemos na praza de Abastos de Santiago, no mercado ecolóxico da Coruña e en colexios.
Fuente: La Voz de Galicia