
Centos de fieis, 72 sacerdotes e 2 bispos… para gloria de Deus
Onte, festa de Santa María Virxe Raíña, preto de 1000 fieis puideron ver “que dozura, que delicia, convivir os irmáns unidos”.
Presididos polo noso Arcebispo D. Francisco, xunto a D. Leonardo, Bispo de Ourense, e a 63 sacerdotes (dos 72 que confirmaran a súa asistencia) e centos de persoas chegadas de todas partes, vivimos unha gozosa festa en Raíña.
Comezamos coa Eucaristía, á sombra da “trindade”, nun calurosísimo día. A pesar da multitude podíase escoitar o trino dos paxaros no silencio daquela chaira, pero tamén o canto fervoroso do Pobo de Deus que cada ano acode en maior número, para dar grazas a Aquela que foi coroada como Raíña. Porque Raíña so hai unha, a que está no Ceo.
E á sombra, dos carballos, continuou a festa cun xantar campestre compartido.
Temos moito por mellorar pero é difícil atopar palabras que poidan resumir o vivido este día, e todo o que estamos a vivir neste Soño confiado ao Arcebispo hai 25 anos. E seguimos soñando…e dando grazas, eternamente grazas ao Bo Deus por medio da Nai do seu Fillo, a Raíña.
AMGD