XX Xornadas de Teoloxía ITC. “Bautizados e enviados”

Pasado o mes de agosto, que para moitos é tempo de descanso e
desconexión; cómpre reiniciar a vida normal e facelo con sentido e
horizonte cristián. A comezos deste mes de setembro, e xa por vixésimo
ano consecutivo, o Instituto Teolóxico Compostelán ofrece a todo aquel
que se queira achegar tres días de reflexión e aprendizaxe que nos
queren dar pistas para vivir este novo curso dun xeito máis comprometido
coa nosa fe.


Os días 4, 5 e 6 do próximo mes teremos a oportunidade de descubrir,
coa axuda de persoas capacitadas, aquilo que o papa Francisco pretende
convocando para outubro, e para toda a Igrexa universal, un Mes
Misioneiro Extraordinario. Intención que pretende espertar aínda
máis a conciencia misioneira da missio ad gentes  e  retomar con novo
impulso a transformación misioneira da vida e da pastoral.


Deste xeito brindamos unha oportunidade única, introducindo no amplo
campo académico do noso Instituto Teolóxico unha visión panorámica da
actualidade misioneira da Igrexa. Estarán entre nós persoas vencelladas á
Misión, unhas dende un plano máis teórico e outras dende a máis
encarnada experiencia, que sen dúbida algunha nos farán presente aquilo
que S. Xoan Paulo II soubo ver na Redemptoris missio: a misión está aínda nos seus comezos e debemos comprometernos con todas as nosas enerxías no seu servizo. 


Así, dende o ITC e Obras Misionais Pontificias, queremos animar a que
non se perda esta oportunidade que con gran agarimo ofrecemos a todos
os diocesáns e a tódolos galegos.


David Álvarez Rodríguez

Archicompostela