Son Alfredo, estou casado con Loli, residimos na casa da miña querida
sogra e a menos de 700 m. dos meus máis queridos pais. Monfortino de
nacemento, vivo no Martinete, un barrio semirural da periferia da cidade
da Coruña.
A miña profesión é a avogacía. A nivel pastoral, subdelegado de
apostolado seglar da diocese. Son militante da Irmandade Obreira de
Acción Católica-HOAC, e desde xaneiro colaboro na EDAP como animador do
grupo de vida de Pontedeume. A miña parroquia é S. Cristovo das Viñas,
onde colaboro na catequese cos pais, na revista e no consello de
economía.
Que opinas do Coronavirus?
Entendo que nos referimos ao COVID-19: a nivel científico aínda está
sen descubrir nin a orixe, nin con exactitude a forma de propagación nin
saberemos se haberá vacina. Pero desgraciadamente afecta ás persoas
máis débiles (persoas enfermas, anciáns), co que a pandemia fai unha
especie de selección natural.
Custou quedar na casa? Por que?
Ao vivir nunha casa con terreo e horta e poder traballar desde casa
non me custou demasiado. Puiden saír para facer recados a familiares e
veciños, e ao despacho algunha vez, nada que ver con tantas persoas que
ou ben viven soas, ou ben viven con pequechos e nun pisiño pequeno.
Algo que te axudou a levar mellor a rutina cotiá na corentena.
Manter horarios similares, adicar un tempo todos os días para a
contemplación e outro para a meditación do evanxeo. O feito de ter
reunións por videoconferencias e continuar un curso online de pastoral
penitenciaria obriga a centrarse.
Unha lección a aprender.
A necesidade que temos as persoas respecto dos demais, de comunidades
solidarias onde poder encontrarnos, e de que formamos unha soa familia
que vivimos nunha casa común que debemos coidar, e na que debemos axudar
ás persoas máis vulnerables da nosa familia humana.
Unas palabriñas para Deus
Grazas por acompañarme. E grazas por estar ao carón das persoas que
sofren, en especial quen vive en desacougo pola incerteza dun traballo
digno e un salario xusto.
Unha dedicatoria para alguén
Unha amiga que morreu do COVID-19, Josefina: grazas a Deus polo teu
testemuño de servizo e pola túa preocupación polas persoas máis pobres e
indefensas.
Un modo de servir aos demais sen saír da casa
Chamar por teléfono a amizades que hai tempo que non ves ou que viven
soas. E non mandar sen máis unha mensaxe de Whats’app: comunicar
esperanza e difundir formas de colaboración solidaria, desbotando e non
reenviar mensaxes que difundan división e discordia.
Un soño
Que a pandemia nos faga medrar como persoas, que acabe co capitalismo
que mata miles de persoas de fame e enfermidades evitables, que se
potencie e valore máis a economía social e solidaria, que nos decatemos
que temos que coidar ás persoas e ao planeta…
pastoralsantiago.es