San Salvador celebra los 40 años de Vicente Cerdeiriña en la parroquia

Vicente Cerdeiriña, párroco de Poio dende hai
corenta anos, é home de falar pousado, de fina retranca e dese estilo
de humor que tan ben dominaba Castelao, co que un nunca sabe se rir ou
chorar. Sen necesidade de preguntarlle, arranca a conversa na súa
mocidade. Así que viaxa ata a cidade da Coruña, á rúa San Andrés, o
lugar onde naceu e se criou, nunha familia cun pai dentista. Foi na
cidade herculina onde sentiu que tiña que ser relixioso. Cóntao el mesmo
con esa retranca da que falamos: «A verdade é que no meu caso, así de
primeiras, a chamada de Deus pois parecía algo fóra de lugar… Meu pai
era dentista e eu era o único fillo varón. Supúñase que estudaría o
mesmo ca el e que seguiría coa consulta. Eu pensei que era unha pena que
Deus chamara a alguén que tiña a vida solucionada, que podía chamar a
outro», di. Pero Deus non debeu equivocarse. Porque Cerdeiriña dixo si. E
converteuse en cura. 


Antes de ordenarse, estudou en Roma. Garda como ouro
en pano unha foto na que se lle ve moi mozo, na súa etapa de seminarista
e moi cerca do papa Paulo VI: «Estaba previsto que o papa recibise aos
seminaristas que estabamos alí estudando. Pero houbo un fallo na
organización e entrou moita xente da rúa, foi un pouco caos. O caso é
que cheguei a falar con el, preguntoume cantos seminaristas españois
estabamos en Roma», explica. Xa de regreso á terra, ordenouse sacerdote e
déronlle o primeiro destino: estivo cinco anos na Estrada, e logo
desembarcou en Pontevedra, na igrexa de Santa María. Pronto o mandarían
para Poio. Resume ben el o tempo transcorrido dende que chegou a este
último municipio: «Cheguei con 34 anos e barba negra, e sigo aquí con 74
e barba branca». Cumpre por tanto corenta anos como sacerdote da
parroquia do Divino Salvador e na Caeira. É por iso que mañá mesmo
haberá unha misa solemne especial, inaugurará unha exposición e
proxectarase un vídeo. 



Antes de que todo iso ocorra, Cerdeiriña xa celebrou os corenta anos
en Poio contando. Si. Malia que é un home de letras, que escribe libros e
que publica cada mes unha folla parroquial na que resume a vida da
parroquia, rastrexou nos libros de rexistro para ofrecerlles aos veciños
as cifras de todo o que leva feito na parroquia. Van alá 1.175
enterros, 357 casamentos, 1.284 bautizos e 1.288 comuñóns, por citar
soamente algúns exemplos.



Malia eses elocuentes números, a Cerdeiriña parécelle que foi onte
cando don Félix cargou nun camión os seus bártulos e o deixou a cargo da
parroquia. O seu antecesor aínda dicía a misa de costas aos fregueses.
El chegou, colleu unha mesiña e púxose a predicar mirando aos fieis.


Misas en galego


Causou sorpresa, así como tamén o fixo a súa aposta decidida polo
galego. «Non dei a misa en galego dun día para outro, fun pouco a pouco,
primeiro coas cancións e co nosopai e logo veu o resto. O galego é a
lingua nai. Gústame rezar nese idioma, claro que si». Ata en Xerusalén
saben do seu amor polo idioma rosaliano. E todo grazas a unha viaxe que
fixo á Terra Santa: «Alí vin que no templo do Pater Noster había un
mosaico co nosopai en máis de cincuenta idiomas. Estaba o castelán
antigo, o actual, o éuscaro ou o catalán… e faltaba o galego. Entón
intentei que se incluíse». Nunca mellor dito, moveu Roma con Santiago
para que o galego chegase a Xerusalén. Apelou ao cónsul, ao arcebispo… e
ata lle escribiu a Fraga. Finalmente, a Xunta fíxose cargo e o mosaico
fala galego.



A anécdota de Xerusalén retrata ben a súa constancia e perseverancia.
Di que ambas lle fixeron boa falta cando apostaron por construír en
Poio unha igrexa nova. Había que xuntar 60 millóns das vellas pesetas e
Cerdeiriña nin quere nin quixo entón saber nada de pedir créditos: «Nada
de créditos, que despois todo sae moito máis caro. Fomos facendo todo
como se puido, e aínda nos quedan cousas, como as vidreiras de cores,
pero seguimos loitando pola igrexa». Lembra as obras, os petitorios, e
solta: «A min custoume un ril a igrexa». Un pensa que se trata dunha
frase feita, e o abade retranqueiro replica: «Non o digo por dicir.
Estou transplantado do ril, e boa parte do mal que tiven achácollo a
toda esa loita». Hai 18 anos diso. E segue a emocionarse co que veu
despois: «Tralo transplante non podía vivir só. Fun pedir pousada ao
mosteiro de Poio. Fixéronme sentir da familia… e iso que estaba a réxime
e nin sequera podía comer do pote que había».


Os rexistros da Guerra


Cando a súa saúde mellorou, volveu vivir na casa de pedra pegada á
igrexa, onde mora actualmente entre montañas de libros. É un lector
empedernido. Pero non un rato de biblioteca. Gústalle participar na vida
social da parroquia e entusiásmalle deixar por escrito o que vai
acontecendo. Con algunha axuda, reparte 2.300 follas parroquiais casa a
casa todos os meses. Cóntalle o presente aos veciños. Pero tamén se
preocupa polo pasado. Mirou e remirou os libros de rexistro dos anos da
Guerra e principios dos corenta por se algún nome ou data de
enterramento daba pistas de represaliados, coa vista posta no que
aconteceu na Caeira. Por agora non atopou nada, conta dende o despacho
da súa casa. Descúlpase porque, como acostuma comer fóra, di que a
vivenda «non ten calor de fogar». Trabúcase. Unha conversa con el faría
acolledora a estancia máis fría do mundo.



Mañá hai unha misa e uns actos especiais para celebrar os 40 anos que leva en Poio

Fuente: María Hermida | La Voz de Galicia


Foto: Ramón Leiro

pastoralsantiago.es