Parroquia de garda: Oleiros Norte

Baixo esta denominación agrúpanse as comunidades de Santa
María de Dexo, San Xián de Serantes e San Cosme de Maianca que, en
territorio e poboación, son un terzo das nove que compoñen o concello de
Oleiros, (antiga Xurisdición de Miraflores): preto de cinco mil
habitantes, repartidos en 12 km2 e servidos en cinco templos
con capital na localidade costeira de Mera. Como acontecía nos tempos da
Igrexa Apostólica, trátase “dun só Corpo e moitos membros diferentes”.


Cando a estas alturas estaríamos «en garda» verbo da celebración dos
sacramentos de iniciación, da festas das «Fillas de María», da
organización do mercadiño de Cáritas pis axiña han chegar os
veraneantes, das necesarias obras de mellora e mantemento dos bens
parroquias…, de súpeto acontece esta situación atípica e desconcertante
da pandemia, que remuda as nosas atencións e forza a poñer o til noutras
emerxencias.


Toca agora cangar co deber solidario de cidadáns e enfaixarse, sobre
todo, coa práctica das obras de misericordia en favor «da carne de
Cristo», que son os máis pobres e magoados polas consecuencias da
COVID-19.


Así, deste xeito, houbemos dar un enorme salto tecnolóxico. En
poucos días moitos, empezando polo cura, tiveron que facerse expertos
en Facebook, Instagram, YouTube, Hangouts e demáis historias.


Os de Cáritas -uns voluntarios e voluntarias excelentes- en nada de
tempo, organizáronse para, dunha banda gardar as medidas do Goberno en
materia de recursos humanos no ámbito dos servizos socias e, doutra,
seguir atendendo con dignidade aos preto de medio cento de usuarios e
usuarias do noso punto de atención.


O grupo de catequistas, espremeron todo o seu ser, saber, e saber
facer para que, en colaboración cos maiores da casa, os pequenos e
pequenas non quedaran sen celebrar axeitadamente o Triduo Pascual. As
fotos chegadas de nenos e nenas logo do domingo de Ramos, puxeron un
verniz de cor nestes días cinsentos, ao comprobar a súa imaxinación
confeccionando uns ramallos «virtuais»…


Nunca tanto se votou man do «apostolado telefónico e dixital», para
que a comunidade descubrise sitios onde acudir para compensar a ausencia
do servizo litúrxico. Cántos nestes momentos de obrigatorio
confinamento, estanse a converter en xente de misa diaria en familia,
aínda que sexa ¡non queda outra!, na televisión ou nas redes sociais.
Cántos están a levar nestes días unha vida realmente cristiá co rezo do
santo rosario lembrando a tantos defuntos. Cántos están a bradar pola
volta da vida sacramental ordinaria. Cántos que, en época de cativos
ingresos, ofrecen a súa colaboración económica para que poidamos saír
adiante…


Esta é a nosa «garda»: poñerlle doado ao Señor Xesús, noso Salvador, para que encha coa súa luz o acontecer das nosas vidas.

pastoralsantiago.es

Foto: Miguel Castaño