Mons. Francisco José Prieto, arcebispo de Santiago: «Temos que facer pedagoxía de que empregar o galego nas nosas celebracións non é excluínte»

Confía en que a edición revisada do Misal galego, en fase de impresión, poida utilizarse a partir de mediados de febreiro

No pasado mes de xuño, Francisco José Prieto tomaba posesión como arcebispo de Santiago, nunha solemne cerimonia na catedral compostelá. Medio ano despois, é tempo para un primeiro balance:

—Foron uns meses intensos nos que, ao asumir a responsabilidade pastoral da diocese como arcebispo, tes que ir coñecendo máis en profundidade a realidade que afecta ás nosas parroquias nos diferentes eidos da vida pastoral. Certamente os dous anos previos como bispo auxiliar me axudaron a ir coñecendo pouco a pouco unha diocese tan extensa. Agora, a miña misión como arcebispo, desde unha escoita atenta das persoas, é ir definindo os obxectivos —e polo tanto o camiño para alcanzalos— que nos permitan renovar e reforzar o impulso evanxelizador nas distintas comunidades e realidades que configuran a vida da Igrexa en Santiago.

—Emprendeu vostede unha profunda renovación do arcebispado, na que destaca a entrada de persoas máis novas. Rematou, ou quedan cambios por facer?

—A renovación levada a cabo, e que aínda non finalizou, está na liña do indicado anteriormente: ir configurando un novo equipo de colaboradores para os distintos ámbitos da pastoral diocesana. Trátase de ser, como di o papa Francisco, audaces e creativos nesta tarefa de repensar os obxectivos, as estruturas, o estilo e os métodos evanxelizadores das propias comunidades. É unha renovación que ten, ademais, un reto moi importante, e no que agora mesmo estamos inmersos: na nosa extensa xeografía diocesana, con 1.070 parroquias, sumado á idade e escaseza dos sacerdotes, e dos axentes de pastoral en xeral, é necesario e urxente configurar unha nova distribución territorial e estrutural de toda a pastoral diocesana que reflicta unha nova relación entre os fieis e a parroquia.

—Boa parte da súa homilía na toma de posesión foi en galego. Marcaba a súa intención de normalizar o seu emprego na liturxia?

—Na liturxia e no contexto da nosa vida eclesial e pastoral. Eu penso que somos unha comunidade na que temos que buscar sempre un uso normalizado das dúas linguas propias, galego e castelán, nunca ideolóxico. Entendo que na nosa terra o falamos con normalidade [o galego], pero tamén temos que darlle un uso nestes ámbitos celebrativos, institucionais e oficiais á lingua galega, que é tamén na que expresamos a nosa alma, o noso ser galegos e o noso ser crentes. É camiñar cara a unha normalidade que tamén buscaba con esa gran parte daquela homilía en galego.

—Anunciou na súa visita á Real Academia Galega unha nova edición do Misal en galego. Como vai?

—A edición revisada do Misal galego está concluída, en fase de impresión. A intención é que poida estar dispoñible para ser utilizada no inicio do tempo coresmal, desde mediados de febreiro.

—Aquel día falou do necesario esforzo de todos para normalizar a lingua na liturxia. Ve na curia a sensibilidade e compromiso polo que avogou vostede?

—Vexo sensibilidade e preocupación, tanto na nosa Igrexa coma na sociedade en Galicia, por que a nosa lingua sexa habitual nun uso normalizado. Temos que facer todos un esforzo, ía dicir catequético, pero vou dicir máis ben pedagóxico. Unha pedagoxía de entender que cando falamos unha lingua non o facemos desde unha opción parcial ou ideolóxica, senón que é unha opción do ser galegos. Unha pedagoxía que nos faga comprender que o feito de utilizar o galego nas nosas celebracións eclesiais e pastorais non é nin moito menos excluínte; ao contrario, dámoslle un uso normalizado perfectamente integrado co uso do castelán.

—Que lle parecen recentes reformas do papa Francisco, como a bendición a unións de persoas do mesmo sexo, ou de persoas divorciadas que volvan casar?

—O recente documento do Dicasterio para a Doutrina da Fe, Fiducia supplicans, aprobado polo papa Francisco, non altera a doutrina sobre o matrimonio, pero convida a pensar as bendicións desde o seu sentido pastoral. O feito de que unha parella do mesmo sexo reciba unha bendición non implica que se estea recoñecendo esa unión como equiparable ao sacramento do matrimonio. Nese punto, tanto Fiducia supplicans coma o maxisterio de Francisco son moi claros. A bendición dunha parella homosexual ou en situación irregular quere expresar, en primeiro lugar, que os recoñece como fillos de Deus e da Igrexa, necesitados do amor misericordioso de Deus nas súas vidas. Non se trata de bendicir ou aprobar unha situación, senón de pedirlle a Deus que poña a súa bondadosa man paterna nas vidas destes fillos que veñen suplicar a súa axuda. Na Igrexa hai lugar para todos, e a misericordia de Deus chega a todos.

Fuente: o. p. arca SANTIAGO / LA VOZ

Archicompostela