
Con motivo da celebración do Corpus Christi e do Día da Caridad, que terá lugar o próximo 7 de xuño, o arcebispo de Santiago de Compostela, Mons. Francisco José Prieto Fernández, fixo pública unha carta pastoral na que invita os fieis a «alzar a mirada e elixir amar en comunidade». Na súa mensaxe, subliña a estreita relación entre a Eucaristía e a caridade cristiá, e anima ás comunidades parroquiais a ser espazos de acollida, fraternidade e esperanza, especialmente cara ás persoas máis vulnerables.
Corpus Christi – Día da Caridad
Alza a mirada e elixe amar en comunidade
7 de xuño de 2026
Queridos irmáns:
A solemnidade do Corpus Christi invítanos cada ano para volver a mirada cara a Xesucristo, Pan de Vida, presenza viva que camiña co seu pobo e sostén a esperanza do mundo. Nesta xornada celebramos tamén o Día da Caridad, unha ocasión privilexiada para redescubrir que a Eucaristía non só se adora, senón que se vive; non só se contempla, senón que se traduce en amor concreto cara aos irmáns. A súa celebración está marcada este ano pola visita do papa León XIV ao noso país. E, precisamente, un dos actos centrais será a celebración da Eucaristía e a posterior procesión do Corpus polas rúas de Madrid.
Este ano queremos vivilo baixo unha chamada sinxela e profundamente evanxélica: “Alza a mirada e elixe amar en comunidade”. Vivimos nunha sociedade onde con frecuencia predominan o individualismo, a présa e o illamento. Moitas persoas experimentan a soidade, o cansazo interior ou a sensación de vivir desconectadas dos demais. Ás veces construímos relacións superficiais, mentres crece a dificultade para atoparnos de verdade. Tamén as nosas comunidades poden verse afectadas polo desánimo, a indiferenza ou a tentación de encerrarse nun mesmo.
Con todo, o Corpus Christi lémbranos que Cristo sae ao noso encontro e nos invita a levantar a mirada (cf. Jn 4, 35). Como ocorreu cos discípulos despois da resurrección, o Señor vén no medio dos nosos medos e fraxilidades para dicirnos novamente: “Paz a vós” (Xn 20, 19.21.26). A Eucaristía abre portas pechadas, rompe illamentos e devólvenos a alegría de sentirnos pobo, familia e comunidade. En palabras de san Paulo II, “a Eucaristía como unha gran escola de paz” (Mane nobiscum Domine 27).
Alzar a mirada significa recoñecer que non estamos feitos para vivir sós. Dios creounos para a comuñón, para o encontro, para compartir a vida e sosternos mutuamente. Quen contempla a Cristo Eucaristía descobre que amar non é unicamente un sentimento pasaxeiro, senón unha decisión concreta: elixir vivir con outros, camiñar con outros e facerse próximo aos outros.
A caridade cristiá nace precisamente dese encontro con Xesús. O Pan partido no altar ensínanos que a vida adquire o seu verdadeiro sentido cando se entrega. Cada Eucaristía é unha escola de fraternidade onde aprendemos a mirar o sufrimento de quen máis necesitan consolo, compañía, pan, esperanza e dignidade. Nos pobres, en quen sofre a soidade, nas familias feridas, nos descartados da nosa sociedade, Cristo segue esperándonos: “Na medida que El logre reinar entre nós, a vida social será ámbito de fraternidade, de xustiza, de paz, de dignidade para todos” (León XIV, Dilexi te 97).
Por iso, celebrar o Día da Caridad non consiste soamente en realizar unha axuda puntual ou un xesto solidario, aínda que tamén sexa importante. Trátase de elixir unha forma de vivir. Elixir amar é elixir construír comunidade. É saír da indiferenza e crear espazos onde cada persoa poida sentirse acollida, escoitada e valorada.
As parroquias, comunidades e grupos cristiáns da nosa Igrexa diocesana están chamados a ser fogares abertos onde ninguén sinta estraño. Necesitamos comunidades capaces de tecer relacións fraternas, de coidar aos máis vulnerables e de espertar esperanza no medio de tantas incertezas. O mundo necesita testemuñas dunha fraternidade posible.
A procesión do Corpus, percorrendo as nosas rúas e prazas, expresa precisamente esta certeza: Deus camiña entre nós. Cristo non permanece encerrado no templo; sae ao encontro da vida cotiá, ilumina as nosas feridas e impúlsanos a transformar a sociedade coa forza humilde do amor.
Elixir amar en comunidade significa tamén comprometernos co ben común, traballar por unha sociedade máis xusta e promover unha cultura do coidado. Alí onde alguén é esquecido, excluído ou descartado, os cristiáns estamos chamados a facernos presentes con proximidade, servizo e esperanza.
Hoxe damos grazas especialmente por tantas persoas que, desde Cáritas e outras realidades eclesiais, fan visible cada día o amor de Cristo mediante a súa entrega xenerosa. O seu servizo silencioso lembra que a caridade non é teoría, senón vida compartida; non é discurso, senón presenza; non é mera solidariedade, senón Evanxeo vivido.
Pidamos ao Señor que esta solemnidade do Corpus Christi renove a nosa fe na Eucaristía e ensanche o noso corazón. Que aprendamos a alzar a mirada para descubrir a Cristo presente no Pan de Vida e presente tamén en cada irmán. E que, sostidos por El, saibamos elixir cada día amar en comunidade, construíndo relacións fraternas que sexan signo do Reino de Deus no medio do mundo.
Coa miña bendición e afecto pastoral.
Francisco José Prieto Fernández
Arcebispo de Santiago de Compostela
Archicompostela






