
O equipo pastoral do Arciprestado de Betanzos puxo o broche final ao curso pastoral cunha xornada de convivencia na Ribeira Sacra, no concello de Chantada. A iniciativa combinou momentos de oración, patrimonio, natureza e fraternidade.
A primeira parada foi na igrexa parroquial de Santa Mariña, onde o grupo rezou o Anxelus. Posteriormente, visitaron o templo de Santa María de Nogueira, coñecido como a «Capela Sistina da Ribeira Sacra» pola riqueza e beleza das súas pinturas murais, unha das xoias do patrimonio relixioso galego.
A xornada continuou cun xantar compartido entre as cepas de viño características da Ribeira Sacra, nun ambiente de convivencia e agradecemento polo camiño percorrido ao longo do curso. Pola tarde, os participantes realizaron un paseo ata o espectacular miradoiro do Cabo do Mundo e achegáronse tamén ao conxunto de San Estevo de Ribas de Miño, admirando a riqueza paisaxística e espiritual da comarca.
Durante toda a xornada, o grupo estivo acompañado polos sacerdotes de Chantada, Manuel e Juan de Dios, aos que o equipo pastoral agradece a súa acollida, hospitalidade e as explicacións ofrecidas durante as visitas.








